Programa

BASES PROGRAMÁTICAS PARA UN ACORDO ELECTORAL
ESQUERDA UNIDA - ANOVA


Limiar


Ante a situación de emerxencia que vivimos, afirmamos que outra política é necesaria e posible. Unha política que permita a consolidación dun fondo proceso transformador de empoderamento da sociedade, quen de rachar a cadea de alienación e sometemento á que nos queren atar os administradores do sistema coma se o actual clima de recortes, de degradación dos servizos públicos, fose algo inevitable.

Hoxe, máis que nunca, cómpre asentar un Estatuto de Nación para Galicia, quen de achegarnos os instrumentos de autodeterminación e de introducirnos nunha nova etapa para Galicia pensada para a maioría social, sen renunciar ao que nos define como organizacións políticas.

Ante a devaluación da democracia, da degradación do público, ante os ataques asestados ao corpo de dereitos da maioría da sociedade, estamos convencidos de que lle debemos ofrecer ao pobo galego unha ferramenta que hexemonice nas rúas e nas institucións unha política de esquerdas, real, transformadora e anticapitalista quen de derrotar as políticas impostas pola dereita. Combinando estes dous eidos poderemos avanzar na transformación das institucións –hoxe controladas polos poderosos, que ditan normas en contra da maioría social- e poñelas ao servizo da maioría social. 

O dominio do capital financeiro, que semella inquebrantable, é, en realidade, fráxil: depende por completo de eleccións políticas. O capitalismo é incapaz de saír dos tempos actuais. Pero nós, como pobo, podemos darlle a volta a esta situación. Podemos e debemos facelo. Temos que recuperar o ben público, agora baixo os dentes cobizosos dos depredadores. Temos que traballar con seguridade, con dignidade e con dereitos salariais e laborais plenos. Queremos planificar e  regular as actividades produtivas de forma a que se respecten os tempos que precisa a nai-terra para producir e frear a pegada ecolóxica. Temos que loitar por recuperar o que beneficia á maioría social e non aos intereses duns poucos. Temos que ser donos e donas do noso destino.   

BASES

1. DEMOCRACIA REAL E PARTICIPATIVA

1.1. Queremos unha nova xestión do ben público a través dunha democratización dos servizos públicos. Procuramos unha cidadanía que sexa protagonista da vida pública galega, que participe e decida.

1.2. Código Ético contra a Corrupción. Precisamos unha rexeneración democrática das institucións (incompatibilidades; rendición de contas; transparencia, etc. ) que faga delas un espazo ético de conduta intachable.

1.3. Traballaremos para garantir unha cidadanía galega inclusiva para todas as persoas.

1.4. Elaboraremos unha nova Lei Electoral xusta, que respecte os principios de pluralidade, proporcionalidade e representatividade.

1.5. Recoñecemos o determinante papel da diáspora galega, nos momentos máis negros da nosas historia, na defensa da nosa identidade como pobo, e por xustiza e equidade     comprometémonos a garantir os seus dereitos cidadáns en pe de igualdade coa cidadanía residente no noso País.

1.6. Lei de Memoria Histórica para Galicia. Dignificación das vítimas do franquismo. Xustiza e reparación.

1.7. Defensa activa contra a desaparición da identidade galega, contra o exterminio planificado da nosa lingua, o deterioro da nosa paisaxe, o abandono do noso patrimonio cultural e a deturpación da nosa historia.

1.8. Defensa do ámbito informativo galego con medios de comunicación non sometidos aos poderes políticos e económicos e que respondan aos principios de neutralidade e pluralidade.

1.9. Eliminación da monarquía e posta en marcha dun novo proceso constituínte que proclame a República.

1.10. Eliminación dos privilexios que en materia económica goza a Igrexa Católica ou calquera trato de favor a calquera outra que se poida dar no futuro.

1.11. Combate contra a profesionalización da política institucional e rexeitamento da súa centralidade no espectro da loita política. Neste sentido, os nosos representantes institucionais han predicar co exemplo da súa conducta mediante o cumprimento do código ético que compartirán as persoas representantes de ambas organizacións e que figura como anexo a estas bases programáticas.

2. ECONOMÍA E SECTORES ESTRATÉXICOS

2.1. A planificación democrática da economía, a ordenación da vida económica para subordinala ás  necesidades das persoas traballadoras e a construcción participada dun novo xeito de producir  e vivir que se afinque na atención das necesidades humanas cunha atención ao desenvolvemento autocentrado, sustentable e baseado no despregue do sector social da economía e da iniciativa pública configuran os elos básicos dunha proposta de programa económico e social antagónico ás políticas neoliberais, que nestes anos seguen a manternos coas cadeas dos recortes e a crise.

2.2. Reivindicamos o establecemento e fortalecemento dun Marco Galego de Relacións Laborais que desenvolva e potencie a Negociación Colectiva, a solución de conflitos, a Formación Profesional, a contratación e a participación sindical nas empresas, garantindo: a estabilidade e seguridade no emprego; a redución da xornada laboral; a cobertura do paro e das xubilacións; a participación equitativa da forza de traballo no valor engadido e o incremento sustentable da produtividade. Derrogación das sucesivas reformas laborais que vaian en deterioro dos dereitos laborais. Democratización   da   empresa   regulando   a   participación   das   persoas traballadoras na súa dirección e xestión.

2.3. Creación dunha Banca Pública, conformada segundo os principios da banca ética ao servizo da cidadanía galega, apostando pola reversión das caixas de aforro á súa natureza orixinal de entidades non capitalistas de economía social.

2.3. Queremos emprego estable e con dereitos. Anularemos as recentes normas e reformas galegas que atentan contra os dereitos da clase traballadora.

2.4. Avanzaremos no eido da Economía Social en sectores de carácter cultural, enerxético, social, medioambiental, turismo, autonomía persoal, rehabilitación de vivendas, etc.

2.5. Políticas de promoción e equidade económica, fiscal e social para as formas de traballo autónomo e de pequenas empresas, con fincapé nas formas cooperativas e de economía social.

2.6. Impulsaremos un plan de recuperación dos servizos públicos hoxe privatizados  en materia de infraestruturas, recursos, bens e servizos estratéxicos que sexan de interese público ou común (sanidade, educación, xestión da auga, xestión dos resíduos, etc...).

2.7. Recuperaremos o tecido produtivo hoxe esmorecente dentro dunha nova filosofía do traballo e dun novo marco económico e social. Cómpre correxir as deficiencias estruturais dos sectores estratéxicos galegos (pesca;  agrogandería e alimentación; enerxía; I+D+i; turismo...) e desenvolver estratexias produtivas sustentables.

2.8. Políticas de defensa do sector labrego, revitalizando as pequenas e medianas   explotacións,   garantía   de   prezos   xustos,   apostando   pola recuperación dos ecosistemas agrarios e a sustentabilidade económica, impulsando a ordenación do territorio e a fixación de poboación no medio rural. Políticas análogas para o mundo mariñeiro e a beiramar.

2.9. Instar a unha reforma da P.A.C. respectuosa cos principios da soberanía alimentar. Dinamizar o Cooperativismo. Impulso dos Mercados locais. Artellamento de Canles curtas de comercialización. Lei da Cadea agroalimentaria (impedir os abusos e regular as marxes). Xestión forestal ecolóxica. Renovación da flota pesqueira (garantías e prazos para a renovabilidade).

2.10. Ordenación do sector comercial a prol da revitalización racionalizada do pequeno e mediano comercio fronte ao grande capital comercial, impulsando a necesaria reforma do marco normativo do sector.

2.11. Plan de inspección en contra da fraude fiscal e da economía mergullada.

2.12. Regulación pública vía taxación dos mercados, intermediarios, fluxos financeiros e movementos de capitais, con especial rigor no tocante ás operacións especulativas.

2.13. Control democrático da política monetaria hoxe nas mans dos “técnicos” do BCE.

2.14. Peche de paraísos fiscais e rexeitamento de medidas de amnistía fiscal. Rebelión cívica contra as medidas de organismos non democráticos como os Institutos Financeiros Internacionais (por exemplo BCE, BM, FMI etc.).

2.15. Xornada de 35 horas semanais e medidas de racionalización e flexibilización de horarios para favorecer a conciliación persoal, familiar e profesional.

2.16. Creación dunha Axencia Galega de Investimentos.

2.17. Reforma tributaria para restablecer unha fiscalidade progresiva, nomeadamente   sobre   os   tramos   elevados   de   ingresos   e   patrimonios privados, a prol dunha indispensable política redistributiva de benestar social, encamiñada a garantir as condicións materiais da liberdade.

2.18. Cero desafiuzamentos, creación da axencia galega de vivenda social.

2.19. A Xunta de Galicia creará unha COMISIÓN DA VERDADE sobre a ilexítima débeda que xustifica os recortes de todo tipo. Compromiso de non achegar fondos públicos para viabilizar entidades bancarias, e esixir responsabilidades penais aos xestores destas entidades.

2.20. Non aceptación das restricións da lei orgánica 2/2012 de 27 de abril de estabilidade orzamentaria. O límite de gasto non poderá comprometer a actual prestación de servizos públicos.

3. MEDIO AMBIENTE E TERRITORIO


3.1. Defenderemos o territorio mediante a aplicación de políticas sustentables, atentas ao proceso de renovabilidade natural do medioambiente. Queremos a Xestión pública dos recursos hídricos. Reclamamos a derrogación da Lei de Augas de Galicia.

3.2. Decrecemento equilibrado no consumo de recursos naturais, na emisión de resíduos e gases de efecto invernadoiro. Modernización dos sistemas de rego. Reaproveitamento e reutilización augas. Recuperación ecolóxica dos nosos ríos e rías.

3.3. Banco público de terras. Explotación agrícola de hortas en espazo urbano. Normativa sobre os produtos transxénicos. Constitución dun protocolo público de Comercio Xusto.

3.4. Elaborar unha nova Lei Autonómica de Espazos Naturais Protexidos. Modelo de xestión integral do monte: non á Lei de Montes.

3.5. Urbanismo: normas de planificación participativas. Reformar a Lei do Solo.  Ordenación territorial e urbanística con criterios sociais e ecolóxicos, buscando o reequilibrio territorial, recuperando as formas de poboamento tradicionais e humanizando os núcleos urbanos Conxuntar a mobilidade coa planificación urbana: minimizar a necesidade de desprazamentos e decrecer o uso do coche e fomentar o transporte colectivo e o uso da bici. Política de transportes vencellada ao urbanismo e á racionalidade ecolóxica. Multimodal e integral. Plan de Transporte Colectivo Integrado Galego.

3.6. Xestión pública dos resíduos. Insistir na Redución, Reutilización e Reciclaxe.
Enerxías renovables (implantación e desenvolvemento; mecanismos para a súa posta en marcha: Lei de Enerxías Renovables que favoreza a descentralización e a inversión pública para democratizar a enerxía.). Plan de Soberanía Enerxética (Lei de Aforro e Eficiencia Enerxética). Fiscalidade verde (en positivo e en negativo).

3.7. Ferrocarril en tanto que servizo público, que cohesione e artelle o territorio galego,  hoxe en mans da privatización e do desbaldimento enerxético e territorial que provoca o AVE.

3.8. Non á Planta de Gas no interior da Ría de Ferrol.

4. POLÍTICAS DE IGUALDADE

4.1. Banca Pública, conformada segundo os principios da banca ética,  como mellor garantía para avanzarmos na igualdade de oportunidades entre todas as persoas.

4.2. Establecer por lei unha Renda Básica de Cidadanía, como dereito subxectivo para garantir unhas condicións de vida digna a toda a cidadanía galega.

4.3. Políticas públicas de vivenda para garantir o dereito constitucional a unha vivenda digna. Parques públicos de vivenda en réxime de aluguer social.

4.4. Os servizos sociais son un dereito. Conforman un piar esencial para desenvolver as políticas de igualdade de oportunidades entre as persoas. Queremos acadar desde a Xunta, en cooperación cos concellos, os Concellos Inclusivos mediante a elaboración de Plans Locais para Inclusión Social.

4.5. Políticas de igualdade efectiva entre mulleres e homes. Unha sociedade para ser realmente democrática debe ser feminista. O feminino como transversal e global de todo.. Establecemento efectivo de medidas de erradicación da violencia machista e de xénero. Respecto aos dereitos sexuais e reprodutivos das persoas.

4.6. Defensa do dereito das mulleres a decidir sobre o seu propio corpo. Defensa do aborto libre, público e gratuíto. 

4.7. Políticas de igualdade efectivas para todos os colectivos sociais:
Lesbianas, Gais, Transexuais e Bisexuais;
Infancia-Mocidade-Persoas Maiores;
Persoas migrantes;
Colectivo xitano.

4.7. Unha xustiza con acceso gratuito, áxil e de calidade. Rachar coa distancia entre a xustiza e a cidadanía. Acabar coa opacidade.

5. SERVIZOS PÚBLICOS

Educación

5.1. Defendemos e loitamos por unha Educación Pública, de Calidade, Laica, democrática e participativa, construida desde a igualdade e a equidade. A relixión fóra do horario lectivo.

5.2. Mellorar, dignificar e recoñecer o labor do profesorado e outros profisionais da educación.

5.3. Rexeitamento e non aplicación do Real-Decreto Lei 14/2012 do 20 de abril de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo.

5.4. Supresión concertos educativos con centros educativos segregadores. Redución progresiva dos concertos educativos, establecendo unha moratoria e abrindo vías para avanzar cara a unha rede única de centros públicos.

5.5. Estender a rede de centros de titularidade pública para atender a demanda existente (importante facelo na etapa de educación infantil, tendo en conta o seu déficit en moitas das localidades galegas).

5.6. Configurar o carácter público dos servizos complementarios (programas madruga, comedor, actividades extraescolares).

5.7. Incrementar a autonomía, descentralización e participación democrática nos centros e nos distritos educativos

5.8. Deseñar un mapa de centros para atender a demanda de educación de adultos en todas as etapas. e niveis de ensinanza. O mesmo para atender a demanda de idiomas (Escolas Oficiais de Idiomas). Oferta ampliada e planificada de FP. Integración das ensinanzas de réxime especial no réxime xeral.

5.9. Gratuidade de libros e material complementario do profesorado.

5.10. Defendemos unha Universidade Pública entendida coma un servizo público que non busque a “competitividade” e a “excelencia”, senón a calidade e a cooperación ao servizo da sociedade. Evitar o solapamento do interese xeral fronte aos desexos do capital (mercantilización = proceso Boloña). Repensar cos seus axentes sociais a universidade galega: titulacións, especialización por universidades, etc.

5.11. I+D+i ao servizo da sociedade (orientado primordialmente ao sector civil: sustentabilidade, enerxía, medio ambiente...).

5.12. Conversión das bolsas de investigación en contratos laborais de 4 anos de duración con avaliación anual.

Sasnidade

5.13. A sanidade é un dereito. Non un privilexio. Rexeitamos o calendario de recortes actual e non aplicaremos o Real-Decreto Lei 16/2012 do 20 de abril de medidas urxentes para garantir a sostibilidade do sistema nacional de saúde e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións.

5.14. Queremos dinamizar o paralizado Plan de Mellora da Atención Primaria (con memoria financeira que detallen actuacións e dotación de recursos).

5.15. Traballaremos por desfacer as privatizacións de servizos realizadas até o momento. Negámonos a entregar hospitais públicos á xestión privada.

5.16. Opoñemonos ao repago sanitario. Reforma da Lei de Saúde de Galicia.

5.17. Debemos achegar unha atención sanitaria o máis próxima ás persoas. Garantir a igualdade da asistencia dentro de Galicia. Mesmo descentralizar a atención especializada.

5.18. Participación cidadá a través dos Consellos de Saúde. Avaliación pública dos resultados.

6. LINGUA E CULTURA.  COMUNICACIÓN

6.1. Fronte aos ataques que sofre as nosas lingua e cultura por parte da dereita do PP, e outros sectores reaccionarios, que racharon o consenso existente, propoñemos recuperar o camiño perdido en cuestión de normallización da lingua galega.

6.2. Entendemos a cultura non só como ben de consumo, senón e sobre todo como instrumento de desenvolvemento persoal e de participación e un elemento fundamental de transformación da sociedade.

6.3. Modificación en profundidade do vixente modelo de propiedade intelectual.

6.4. Elaboración do Estatuto laboral dos traballadores/as da cultura.

6.5. Pulo á creación arraizada na nosa lingua e cultura.

6.6. Acceso libre e gratuíto aos museos e ao patrimonio cultural do país.

6.7. Paralización definitiva dos edificios da Cidade da Cultura e reconfiguración para que produza un beneficio social e público o menos lesivo para o orzamento galego.

6.8. Peche da fenda dixital coa definición da arañeira como un dereito.

6.9. Democratización efectiva dos medios de comunicación.

6.10. Bibliotecas Públicas gratuítas.

7. CULTURA DE PAZ. INTERNACIONALISMO SOLIDARIO.

7.1. Galicia será solidaria cos países que padecen as gadoupas do imperalismo e traballará para que os países camiñen libres das peaxes neocoloniais. Debemos contribuir a que o Estado se dote dunha nova política exterior baseada no respecto do dereito internacional, na promoción da paz e na loita contra a pobreza. Creación do Instituto Civís Pola Paz.

7.2. Propugnamos a saída de España da OTAN e a convocatoria dun novo referendo sobre a pertenza á Alianza Atlantica.
7.3. Democratización e mellora da Cooperación e Desenvolvemento galegos. Centralidade dos Dereitos Humanos. Coherencia e ética nos programas a desenvolver.

7.3. Cumprimento do Pacto Galego contra a Pobreza. 0,7% do PIB.

7.4. Democratización efectiva dos medios de comunicación.

Epílogo

Os eidos políticos enunciados, xunto con todas as achegas que se formulen na reflexión dos encontros programados cos protagonistas da vida asociativa galega, constitúen as liñas-forza que dotan de coherencia e sistematicidade á alternativa política que presenta a coalición conformada por Esquerda Unida e Anova-Irmandade Nacionalista para a sociedade galega. Son os eixos que trenzan os elos básicos da nosa proposta programática común. Eixos que tentan significar a realidade doutra política posible e necesaria, que expresa para un país novo unha política alternativa caracterizada pola radicalidade da súa análise, pola potencia transformadora da súa proposta programática e a firmeza do seu compromiso na loita e intervención social. Principios e valores da esquerda nacional anticapitalista e transformadora, quen de atender e respostar ás arelas e necesidades do pobo galego.

“O camiño non será doado. As dúbidas e os medos poboarán as beiras do camiño. Só coa lucidez do diálogo e do encontro poderemos vencelos. E se somos quen de iniciar este camiño con sinceridade e transparencia, estaremos en disposición, quizais, de vencer ao capitalismo e convencer á sociedade de qe hai alternativa ao sistema capitalista. En efecto, perante a barbarie capitalista, só cabe socialismo”

Compostela, 7 de setembro de 2012.

---

Nenhum comentário:

Postar um comentário